Fracaso económico, éxito cultural

“Estabamos inventando unha nova forma de facer xornalismo, como moitas revistas nese momento”, afirma Ana Montenegro, xefa de redacción dende o cuarto número. En Tintimán, segundo conta a xornalista, traballaban cunha liberdade probablemente maior á que existe en moitas redaccións na actualidade. Houbo quen a criticou por falta de contido, ao que responderon autodenominándose “revista obxecto”, ecléctica ante todo.

A partir dun tema central, artellaban os principais contidos da publicación. A perruquería como arte ou a cidade vertebraron o número 0 e o 1, respectivamente. Outro estivo protagonizado por galegos e galegas “exiliadas” en Barcelona, entre elas, Margarita Ledo, Estrella González ou Manolo de Verín. As ideas non faltaban, e xente que quixera colaborar tampouco.

Converteuse nun espazo de creación multidisciplinar, no que convivían columnas como a de “Cidade de Caín”, de Víctor Freixanes, coa crítica musical de Emilio Alonso, falecido este ano. Incluíu tamén algún texto de Antón Reixa —membro de Rompente e vocalista dos Resentidos—, toda unha icona da Movida, ou de María Xosé Queizán.

Por enriba de todo, era unha revista de “axitación cultural”, en palabras de Montenegro. “Nin éramos localistas, nin éramos politicamente correctos, nin nos atiñamos a ningunha forma”, explica con contundencia a xornalista. Toda alusión á realidade social do momento facíase dende un plano cultural. Boa mostra é o artigo “Amarela”, no que María Xosé Porteiro fala de forma case poética da reconversión industrial da cidade.

Vigo naceu nunha patela. (…) O feitizo fíxose asfalto: medrou, adulteceu. Encheuse de fume en chaminés revolucionarias do tras-post-after vapor. Vigo trocou a patela por turbinas.

Fotografía que acompañaba ao artigo de María Xosé Porteiro

Con todo, Vigo ocupou un lugar central na publicación. É sorprendente, incluso hoxe en día, a naturalidade coa que aparecen mencionados barrios como os de Coia e Matamá, impensable sen o impacto da Movida. Por outra banda, Tintimán contribuíu a deixar esta pegada. Foi causa e, ao mesmo tempo, consecuencia.

De calquera forma, é evidente que a revista puxo en valor a dimensión cultural da cidade olívica e, en xeral, de Galicia. Esta reivindicación foi aínda máis explícita no momento no que Xavier Moreda abriu o cuarto número criticando a edición do festival Europalia celebrada en España no 1985: “Europalia querida: ¿te has olvidado de que las Españas tienen otras culturas y están vivas?”.

“Foi un fracaso económico, pero un éxito cultural”, resume Ana Montenegro. A clave do éxito? Probablemente a liberdade e a paixón coa que se traballaba. O motivo do fracaso? Unha mala xestión dos cartos, principalmente, como xa subliñara no anterior artigo. Entón, que pesa máis na balanza? Non cabe dúbida de que Tintimán amosou que había unha demanda do que ofrecía, a pesar de que este “tranvía de progreso” planeaba un traxecto máis longo. Podería unha publicación tan arriscada sobrevivir hoxe en día? A resposta é totalmente vosa.

Daniel Portela Otero